CRTVG

Buscar

O Obradoiro remóntalle ao Madrid pero perde por un parcial de 0-12 nos últimos minutos

Publicado o 20/10/2019 14:04

Hai aspectos que as estatísticas non reflicten con claridade. Se miramos os puntos, rebotes ou asistencias de Rudy Fernández e Sergi Llull, non chaman a atención. Pero o seu traballo, sobre todo en defensa, resultou decisivo para o triunfo branco. No primeiro cuarto, Kravic impuxo a súa lei na zona e os galegos remataron catro arriba. No segundo, Pablo Laso meteu a segunda unidade.

A defensa de Llull e Rudy e o acerto anotador de Laprovittola, con 14 puntos, puxeron o Madrid sete arriba no descanso, 37-44. No terceiro cuarto, apareceu Daum no Obradoiro e Casseur e Deck no Madrid. Os brancos marcharon ata os 13 de vantaxe, a máxima. Pero os galegos seguiron ao seu, traballando, demostrando calidade e puxéronse por diante a pouco máis de cinco minutos para o final.

"Manexar mellor eses finais, ser quen de ter un pouco de picardía cando tes dúas faltas, gastar algunha pero tamén é certo que hai accións de moito mérito", explicou Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro.

Porque o Madrid enganchou un 0-12 de parcial que rachou o choque, demostrou que ten máis profundidade na rotación e que é un equipo máis feito. Ao Obradoiro faltanlle partidos.

"Pouco a pouco irán entrando no que quere o seu adestrador, irano entendendo pero dende o principio están competindo moi ben", recoñeceu o técnico branco, Pablo Laso.

E sen Kostas Vasileiadis, baixa de última hora por dor no ombreiro. Foi un partido con máis nomes propios: Usman Garuba, 17 anos e 13 rebotes, 7 ofensivos e 6 defensivos. Primeiro menor de idade que chega a esas cifras. Adrián Ben, homenaxeado ao comezo polo seu sexto posto no Mundial. E a cor rosa que o tinguiu case todo en solidaridade co día mundial contra o cancro de mama.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/10/2019