CRTVG

Buscar

O paro subiu en xaneiro en 5.500 persoas en Galicia e 83.000 en España

Publicado o 04/02/2019 21:56

É habitual que todos os meses de xaneiro suba o paro porque coincide coa fin da campaña de Nadal. E así foi este mes, a particularidade é que non se incrementaba tanto desde 2014.

Así, en xaneiro o paro subiu no conxunto de España en 83.464 persoas, é unha alza do 2,6 por cento. O que deixa en case 3.300.000 o número de desempregados. Para o Goberno, estes datos non son boas noticias.

"É verdade que é habitual nos meses de xaneiro, pero non queremos que isto que é habitual se converta en norma. Polo tanto, o que temos que seguir facendo como Goberno e seguir ocupándonos de que se cree máis emprego e en que sexa de máis calidade", afirma Magdalena Valerio, ministra de Traballo.

A que segue sendo positiva é a evolución interanual. No último ano o paro descendeu en 190.000 persoas, máis de cinco puntos. Tamén en Galicia, que ten agora 15.000 parados menos ca hai un ano, o que supón unha redución dun 8 %.

Polo que respecta aos datos de xaneiro, na nosa comunidade hai 5.500 desempregados máis. É un incremento de algo máis de tres puntos ata os 174.800 parados.

"Baixa o desemprego a niveis de hai unha década e o que é moi importante é que baixamos o desemprego con maior ritmo que a media do conxunto de España, máis de dous puntos por riba da media de España", asegura Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego da Xunta.

Se atendemos á Seguridade Social, o mes pasado destruíronse en España 200.000 empregos, o peor dato dende 2013. Con todo, hai 18 millóns oitocentos mil afiliados, a cifra máis alta en once anos. 992.000 aquí en Galicia, case un 2 % máis ca o ano anterior.


 

Noticias web

04/02/2019