CRTVG

Buscar

O Nadal dispara a reciclaxe de papel e cartón un 20%

Publicado o 07/01/2020 20:35

Papeis e máis papeis que romper para descubrir o que nos trouxeron os Reis. Ao lado dos agasallos quedan moreas de envoltorios, que se converten case en montañas nas plantas de reciclaxe. Estes días hai moito traballo para recoller e clasificar os envoltorios de Nadal. 

"Toda a paquetería derivada dos agasallos que traen os Reis acaban aquí. Nótase moito con respecto ao ano pasado o aumento do cartón, polo aumento tamén da compra por internet", explica Antonio Pena, xerente de Coregal.

Os papeis, os cartóns e incluso os plásticos dos agasallos teñen novas utilidades.

"Todo o material que chega ás plantas de reciclaxe recíclase ao 100%. O papel volve converterse en papel reciclado, o cartón en caixas e os plásticos teñen moitas saídas, por exemplo, para fibras plásticas para a roupa de inverno. Ten centos de aplicacións".

De media, unha planta de reciclaxe coma esta procesa máis de 2.000 toneladas de papel ao mes, que se incrementan significativamente nestas datas. O obxectivo é concienciar para reciclar mesmo antes de chegar aquí. Hai plataformas que chaman a reutilizar envoltorios ou usar papeis reciclados ou de xornais para seguir sendo orixinais cos agasallos destes días ao tempo que respectamos o medio ambiente.

Noticias web

07/01/2020