CRTVG

Buscar

O Nadal deixa, polo momento, catro falecidos nas estradas galegas

Publicado o 26/12/2019 14:36

Catro persoas faleceron nas estradas galegas desde o inicio da operación especial polas festas de Nadal o pasado 20 de decembro. Os temporais complicaron a circulación por estrada nas primeiras xornadas.

O día 20 un taxista faleceu no hospital horas despois de sufrir un accidente na Nacional 641, no municipio de Cerdedo-Cotobade, ao ser golpeado por un coche que se incorporaba á estrada. A Garda Civil investiga o condutor de 27 anos, por homicidio imprudente, xa que conducía baixo os efectos do alcol.

O día 21 acabou con dúas vitimas mortais. O primeiro dos accidentes ocorría ás seis e media da mañá, cando un mozo de Baltar, de 22 anos, bateu contra un muro coa furgoneta de espectáculos que conducía, no concello de Esgos.

Pouco depois unha muller de 80 anos morría atropelada en Ortigueira, na recta da Senra. A vítima non levaba reflector ningún e o condutor non a viu ata que bateu contra ela.

Outro accidente ocorrido en Páramos, na estrada que une Tui con Caldelas deixaba tres persoas feridas ao chocar un turismo e unha furgoneta.

O último accidente mortal ocorría na tarde do día 24 en San Martiño de Guillar, en Outeiro de Rei, onde faleceu un ciclista que circulaba pola Nacional Sexta despois de bater frontalmente contra un peón que quedou ferido leve. A vítima de 48 anos, moi coñecido no ámbito deportivo en Lugo, faleceu por un traumatismo cranioncefálico tras bater contra o asfalto, malia que no momento do accidente levaba o casco posto.

Un tráxico balance se temos en conta que en toda a operación especial de Nadal do ano pasado faleceron nas estradas galegas 5 persoas, unha máis que nos primeiros 4 días da campaña de 2019.

Noticias web

26/12/2019