CRTVG

Buscar

O mundo rexistra un novo récord de contaxios e Europa xa supera o sur de Asia

Publicado o 23/10/2020 21:27

• Bélxica, a piques de ser o primeiro país da UE en canto a incidencia do virus

O mundo rexistrou hoxe un novo récord de casos diarios, 445.000, cun forte aumento dos contaxios en Europa, que xa supera o sur de Asia e colócase como a segunda rexión máis afectada.

Precisamente en Europa, Bélxica está a piques de ser o primeiro país da Unión en canto a incidencia do virus. O seu sistema de saúde sofre xa una enorme a presión sanitaria e os seus hospitais alertan dun posible colapso.

Para as federacións hospitalarias belgas non chega coas restricións aprobadas este venres, coa suspensión de público en todas as competicións deportivas ou unha menor ocupación nas celebracións relixiosas ou os actos culturais.

O medo na saúde pública belga é que non sexa suficiente con reservar o 60% das camas das UCI para os enfermos de covid-19. O peor agora mesmo vívese en Bruxelas e tamén no sur-leste do país, na cidade de Liexa, onde a presión sanitaria é cada vez maior e os médicos alertan dun posible colpaso.

É unha situación semellante á dos Países Baixos e por iso, no Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades alertan de que Europa xa vive un problema grave de saúde pública. Ante isto, piden unha acción inmediata por parte dos gobernos.

Situación da pandemia no resto de Europa

No continente europeo, un número crecente de países súmase á fórmula do toque de queda para tentar deter o coronavirus.

46 millóns de franceses estarano a partir das doce desta noite. Italia amplíao á capital e Bélxica, un dos epicentros da pandemia no continente, diríxese cara a un novo confinamento xeneralizado.

Así as cousas, o toque de recollida que afectaba París e oito cidades máis, esténdese a partir deste sábado a 54 dos 101 departamentos de Francia, incluída A Polinesia. A expansión da pandemia obriga os franceses que viven nestes territorios a recluírse na casa entre as nove da noite e as seis da mañá.

Mentres, en Italia, as rúas de Milán xa quedaban onte totalmente desertas entre as once da noite e as cinco da mañá. Un panorama que anticipa o que vai suceder a partir das doce da noite en Roma e Nápoles, ambas cos contaxios disparados.

Ademais do toque de queda xa vixente, nas UCI dos hospitais milaneses hai ingresados con coronavirus seis pacientes por riba do límite. Esta situación obrigará a reabrir o hospital que se instalou no edificio da área de feiras e congresos durante a primeira fase da pandemia.

Pola súa banda, Alemaña xa supera os 400.000 contaxios desde o inicio da pandemia. Ante isto, o Goberno avogou por conter a propagación do virus con medidas rexionais e locais no canto de impoñer restricións en todo o país.

Noticias web

23/10/2020