O móbil do acoitelamento mortal no hostal de Mondariz podería ser económico
Este era o momento en que a Garda Civil detiña en Vigo a Miguel Ángel G. M., de 40 anos como presunto autor da morte de José Luis Fernández Faro, o Cabra, de 44 anos. Desde alí foi conducido á comandancia da Garda Civil de Pontevedra para ser interrogado e alí continuará ata pasar a disposición xudicial este luns nos xulgados de Ponteareas. Unha vez que o xuíz lle tome declaración coñeceremos se se lle imputa un delito de homicidio ou de asasinato, porque queda por ver se o crime foi ou non planificado.
As imaxes do acusado días antes mercando o que as forzas de seguridade xa identificaron como un coitelo de grandes dimensións, presuntamente nun bazar de Ponteareas, poden ser unha peza clave da investigación.
O cadáver apareceu nun baixo escangallado con signos de acoitelamento. O falecido e o suposto criminal vivían de alugueiro nestes dous cuartos contiguos dun hostal de Mondariz. Xa consta en autos que o falecido contou a varias persoas que a relación entre os dous non era boa. Falta dilucidar, aínda que a investigación xa avanzou neste punto, se o Cabra morreu aquí e despois foi trasladado por estas escaleiras e agochado ou se faleceu onde foi descuberto.
A vítima era de Gargamala, dunha familia numerosa e moi coñecida en Mondariz e O Covelo. Traballaba a xornal en labores de roza e acondicionamento de leiras.