CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 31.785 novos casos, 2.425 nas últimas 24 horas, e 179 falecidos

Publicado o 28/09/2020 18:31

As comunidades autónomas notificaron ao Ministerio de Sanidade 31.785 novos casos de covid-19, 2.425 deles diagnosticados nas últimas 24 horas, un notable descenso en comparación cos 4.122 do venres.

A cifra total de positivos desde o inicio da pandemia sitúase xa en 748.266, segundo as estatísticas oficiais.

Ademais, o informe recolle 179 novos falecementos con diagnóstico positivo de covid-19, xa que a cifra global elévase a 31.411, fronte aos 31.232 do documento do venres.

Nos últimos sete días morreron 359 persoas con diagnóstico confirmado de covid-19, unha cifra menor ás 475 do informe do venres.

Por outra abnda,  ata 2.249 persoas precisaron de hospitalización por mor do virus na última semana (148.614 no conxunto da pandemia) e 163 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), para un total de 13.448 desde que o virus chegou a España.

Hai 10 comunidades con descenso de casos, o resto soben

A maioría dos países europeos manteñen a liña de ascenso nos contaxios. España e Francia encabezan as notificacións de casos, pero os dous seguen mantendo a letalidade máis baixa da Unión, cun 1 por cento, grazas ao importante esforzo diagnóstico. No territorio español, a boa noticia chega da man das 10 comunidades autónomas cunha incidencia acumulada que comeza a descender, pero a mala nova é que no resto das rexións continúa subindo. 

Continuamos liderando a táboa de países que máis PCR realizan dentro da Unión Europea, o que supón un esforzo diagnóstico importante. Nesas probas, a positividade media roza o 11 por cento, pero os datos son moi desiguais entre as comunidades. Por exemplo Madrid rexistra case o dobre de positividade cun 21 por cento.Situacións singulares que necesitan medidas e restricións acordes a cada territorio.

Respecto á volta ao cole, os expertos insisten en que a notificación de contaxios en idade escolar non se viu especialmente afectado, tomando como base os datos destas primeiras semanas.