CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 31.428 casos de covid−19 esta fin de semana e 168 mortes máis

Publicado o 21/09/2020 18:20

O Ministerio de Sanidade notificou 31.428 casos de covid−19 esta fin de semana, dos cales 2.957 foron diagnosticados nas últimas 24 horas, en comparación cos 4.697 do pasado venres.

Desta forma, en total xa se diagnosticaron 671.468 persoas de coronavirus en España.

Respecto ás mortes, o novo informe publicado polo departamento que dirixe Salvador Illa rexistra 168 falecidos máis que o venres, e 311 na última semana.

En total xa son 30.663 as persoas que faleceron por covid−19 en España.

Actualmente hai 11.031 pacientes ingresados por covid−19 en toda España e 1.417 nunha UCI, aínda que nas últimas 24 horas se produciron 1.052 ingresos e 519 altas.

Os expertos xa falan dunha segunda vaga da pandemia, pero con diferenzas entre os territorios. Non todas as comunidades están nunha suba de casos, pero a de Madrid, cun claro ascenso acelerado, repercute en toda España ao supoñer o 15 por cento do total da poboación. Cataluña mantense estable, pero segue nun nivel endémico que non remata de baixar. Todo fai que haxa un incremento claro dos positivos. 

Este incremento dos contaxios vai afectando a ocupación hospitalaria e a presión sobre o sistema asistencial. Aínda que segue sendo a atención primaria a que posúe unha maior sobrecarga ao ser o servizo encargado da detección e xestión da maior parte dos casos. 

A Junta de Andalucía recoñece o colapso na atención primaria de Málaga e pide desculpas polas longas ringleiras ás portas dalgúns centros de saúde. Mesmo din que entenden a ameaza de folga ou de paros que está sobre a mesa de colectivos e sindicatos. E varios alcaldes de Madrid xa pediron ao Goberno rexional informes técnicos que xustifiquen as limitacións por áreas, ademais dun reforzo nos servizos de atención primaria.