CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 22.516 novos positivos e 347 falecementos máis

Publicado o 06/11/2020 19:07

As comunidades autónomas notificaron este venres ao Ministerio de Sanidade 22.516 novos casos de covid-19, 9.150 deles diagnosticados nas últimas 24 horas. Isto supón unha cifra inferior con respecto aos 25.595 do mesmo día da semana anterior.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 1.328.832 desde o inicio da pandemia, segundo as estatísticas oficiais.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días por 100.000 habitantes sitúase en 525, fronte a 527 onte e 485 o venres pasado, cun total de 247.235 positivos nas últimas dúas semanas.

Por outra banda, no informe deste venres engadíronse 347 novos falecementos, en comparación cos 368 de onte e os 329 do venres anterior.

Na última semanafaleceron 1.088 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España.

Ata 38.833 persoas con proba diagnóstica positiva faleceron desde que o virus chegou a España, de acordo cos datos recolleitos polo Ministerio.

Actualmente, hai 20.209 pacientes ingresados por covid-19 en toda España (20.281 onte) e 2.833 en UCI (2.802 onte).

Nas últimas 24 horas, producíronse 2.244 ingresos (2.421 onte) e 2.211 altas (2.339 onte).

Ademais, a taxa de ocupación de camas por coronavirus sitúase xa no 16,28% (16,35% onte) e nas UCI no 29,47% (29,20% onte).

Situación nas comunidades máis afectadas

O Goberno de Andalucía prepara novas restricións para o vindeiro domingo. Quere frear a transmisión do virus na comunidade que este venres notificou máis de 4.700 positivos.

A continuación, con 4.300, sitúase Cataluña, onde se vai prorrogar quince días o toque de queda. A Generalitat asegura que xa se superou o pico máximo de contaxios da segunda vaga.

Madrid rexistrou algo máis de 2.200 casos. Confinada de xeito perimetral nesta ponte da Almudena, estende as restricions a 41 zonas básicas de saúde.

Castela e León, cun número similar de contaxios, pecha os centros comerciais e a hostalería.

Tamén Euskadi, que sumou 1.300 positivos, clausura bares, restaurantes e cafeterías, polo menos, durante o mes de novembro.

Murcia é outra das comunidades que comeza a fin de semana sen hostalería.

En Cantabria e Aragón só poderán funcionar as terrazas e, en Valencia, quedan confinados os concellos de Elda e Petrer, en Alacant.

Castela-A Mancha, que notificou un milleiro de positivos, reduce o límite de ocupación nos bares e restaurantes, igual que Estremadura, onde a presión asistencial comeza a ser importante.