CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 19.851 novos casos, 8.293 en 24 horas, e 231 mortes máis

Publicado o 23/10/2020 20:50

As comunidades autónomas notificaron este venres ao Ministerio de Sanidade 19.851 novos casos de covid-19, 8.293 nas últimas 24 horas, o que supón un ascenso con respecto aos 7.953 diagnosticados este xoves.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 1.046.132 desde o inicio da pandemia, segundo as cifras oficiais.

Na última semana, faleceron 655 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España, un aumento en comparación cos 570 notificados onte.

No informe deste venres engadíronse 231 novos falecementos.

No cómputo global, ata 34.752 persoas con PCR positiva faleceron desde que o virus chegou a España.

Un total de 4.439 persoas precisaron de hospitalización por coronavirus nos últimos sete días (167.386 desde o comezo da pandemia) e 312 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), para unha cifra conxunta do 15.028 desde febreiro.

Situación nas comunidades

Cataluña comeza a fin de semana cun 31% das camas da UCI ocupadas. Este venres sumou máis de 3.800 positivos.

Son case os mesmos que rexistrou Andalucía, cunha presión hospitalaria menor pero en continuo ascenso. Ante isto, as autoridades piden responsabilidade.

Con preto de 2.600 novos contaxios, Madrid comeza a notar a presión nas unidades de coidados intensivos, cun 40% de camas ocupadas.

Por riba desa cifra sitúase Aragón, que notificou 1.200 casos nas últimas horas.

Medran tamén os ingresos na Rioxa, confinada e con restricións no comercio e na hostalería.

O Goberno de Asturias anuncia o peche perimetral de Oviedo, Aviles e Xixón a partir deste sábado.

O Principado, que rexistra unha repunta dende hais días, reforza o sistema sanitario coa axuda do Exército.

Medran os contaxios tamén en Valencia, que este venres notificou 1.200 positivos.

Pero, sobre todo, preocupa Navarra, cunha incidencia acumulada superior aos 1.060 casos por 100.000 habitantes.