CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 15.186 novos casos, a peor cifra desde o inicio da pandemia

Publicado o 16/10/2020 20:38

As comunidades autónomas notificaron este venres ao Ministerio de Sanidade 15.186 novos casos de covid-19, 6.591 nas últimas 24 horas, o que supón un leve descenso con respecto aos 6.603 diagnosticados onte.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 936.560 desde o inicio da pandemia, segundo as cifras oficiais.

Na última semana, faleceron 575 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España, un gran aumento en comparación cos 494 notificados este xoves.

Un total de 33.775 persoas con PCR positiva faleceron desde que o virus chegou a España.

No informe deste venres engadíronse 222 novos falecementos.

Un total de 3.298 persoas precisaron de hospitalización por coronavirus nos pasados sete días (161.120 desde o comezo da pandemia) e 214 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), para unha cifra conxunta do 14.510 desde febreiro.

Récord de positivos nun día en España, que se prepara para un Nadal atípico

España bateu este venres un novo máximo de contaxios desde o inicio da pandemia, uns datos que avalan o que predixo o ministro de Sanidade, Salvador Illa, de que quedan uns meses "complicados", cun Nadal "que non será normal, será diferente".

Uns meses nos que se poderían endurecer as medidas. E é que o Ministerio de Sanidade traballa na actualización do plan de resposta temperá e xa conta cun borrador que contempla o peche dos locais de apostas e do interior de bares e restaurantes, así como unha redución de ocupación nos locais comerciais ao 25% ou prohibir a saída dos anciáns que vivan en residencias nos territorios máis afectados.

Aínda que o texto deberá ser aprobado no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde o vindeiro mércores, a maioría de comunidades autónomas xa se pronunciaron a favor do mesmo, aínda que algunhas delas consideran que vén con atraso.