CRTVG

Buscar

O Ministerio notifica 1.895 novos casos de covid en España, 200 máis ca onte

Publicado o 07/08/2020 17:48
O Ministerio notifica 1.895 novos casos de covid en España, 200 máis ca onte

O Ministerio de Sanidade informou este venres de 1.895 novos casos de covid-19, ao redor de 200 máis que xoves, cando se notificaron 1.683.

Este novo máximo de casos diarios desde finais de maio alcánzase sen os datos de Aragón, que non puido cargalos, co que Madrid é a rexión máis afectada, con 567 positivos.

Por detrás sitúase o País Vasco, con 403 casos confirmados onte, mentres que en Cataluña baixaron aos 113, segundo o último balance de Sanidade, que suma outras 4.507 infeccións ao cómputo global e eleva o total a 314.362 desde o inicio da pandemia.

E iso a falta das cifras de Aragón, que leva varias semanas encabezando a lista de contaxios, pero que hoxe non puido notificalas ao Ministerio por problemas técnicos, aínda que a Dirección Xeral de Saúde Pública desta comunidade informou de 662 novos casos de coronavirus nas últimas 24 horas.

Evolución do virus en España durante a última semana

En canto ás mortes, nos últimos sete días faleceron en España 16 persoas con proba de covid-19 confirmada, fronte aos 22 dos que informou onte Sanidade. Segundo as cifras oficiais do Ministerio, a cifra de mortos no cómputo global elévase a 28.503.

Nestes mesmos sete días, foron confirmados mediante PCR un total de 20.680 positivos, unha cuarta parte deles en Cataluña (5.004), por diante de Madrid (4.147); Aragón (3.692), País Vasco (1.650); Andalucía (1.418) e a Comunidade Valenciana (1.257).

Xa por baixo do milleiro está Castela e León (771) e Navarra (524), mentres que as menos afectadas son A Rioxa, que tan só notificou 36, e Asturias (120).

Un total de 127.954 pacientes de covid tiveron que ser hospitalizados, 677 deles nos últimos 7 días: 160 en Aragón, 127 en Madrid, 88 na Comunidade Valenciana, 80 en Andalucía e 62 en Cataluña.

Aqueles que necesitaron coidados intensivos foron 11.853, dos que 46 foron ingresados nestas unidades na última semana, a maioría en Madrid (7) e a Comunidade Valenciana, con 7 en ambas, ademais de Murcia (6) e Andalucía e Navarra.

Con estas cifras, España supera a Reino Unido (que suma 308.134 casos) e colócase no undécimo posto mundial con máis afectados, por detrás de Estados Unidos (4.802.491), Brasil (2.801.921), India (1.964.5365), Rusia (871.894); Sudáfrica (511.485); México (449.961); Perú (439.890); Chile (364.723); Irán (312.035); Colombia (334.979) e Irán (317.483).