CRTVG

Buscar

O Ministerio de Sanidade notifica 13.873 casos novos e 218 falecidos

Publicado o 20/10/2020 18:34

As comunidades autónomas notificadaron este martes ao Ministerio de Sanidade 13.873 novos casos de covid-19, 5.314 nas últimas 24 horas.

A cifra global de contaxios en España elévase xa a 988.322 desde o inicio da pandemia, segundo as cifras oficiais.   

Na última semana faleceron 553 persoas con diagnóstico de covid-19 positivo confirmado en España. Ata 34.210 persoas con PCR positiva faleceron desde que o virus chegou a España

Un total de 3.784 persoas precisaron de hospitalización por coronavirus no pasados sete días (164.041 desde o comezo da pandemia) e 283 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI), para unha cifra conxunta do 14.767 desde febreiro.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días (casos por cada 100.000 habitantes) é de 322,94 fronte 312,22 de onte. Esta media nacional é superada amplamente en Navarra, con 1.002,73 casos por 100.000 habitantes

Protestas en Pamplona contra o peche da hostalería. Será a partir do xoves cando entre en vigor o confinamento perimetral de toda Navarra. Este martes, con case 600 novos positivos, supera xa a barreira dos 1.000 casos por 100.000 habitantes.

Cataluña, cos bares e restaurantes pechados dende hai catro días, suma máis de 2.000 contaxios. A Generalitat vai rebaixar ata o 50 % o alugueiro dos locais que non poden desenvolver a súa actividade polas restricións.

Controis en Aranda de Duero, coa mobilidade restrinxida dende este martes. Castela e León tampouco consegue frear a expansión do virus e notifica case un milleiro de infeccións. A Universidade de Salamanca puxo en corentena preventiva dous colexios maiores. 

Unha festa, en que se contaxiaron máis de 160 persoas, celebrouse na terraza dun colexio maior de Valencia. As autoridades abriron unha investigación. As sancións poderían superar os 30.000 euros.

En Aragón, cunha incidencia acumulada superior aos 540 casos por 100.000 habitantes, a situación segue a ser crítica. Tamén en Madrid, que este martes sumou máis de 1.700 novos contaxios.

Euskadi tampouco consegue mellorar os seus datos e notifica 600 positivos nas últimas vinte e catro horas.