CRTVG

Buscar

O marisqueo retoma a actividade en Noia con topes máis baixos

Publicado o 10/02/2020 14:45

Levaban cinco semanas sen mariscar na ría de Noia e hoxe volvían á praia con algunhas incertezas polo efecto das riadas na mortaldade do marisco. Ás nove e media da mañá a actividade xa era frenética.

"Eu son moi pesimista. Houbo moita auga, o encoro abría cada dous por tres. A ver que atopamos", di unha mariscadora.

Antes de facer este descanso, e tras máis dun mes sen parar de chover, detectaran unha mortaldade alta de marisco. Agora parece que o que quedou aguanta ben, pero temen que volva empeorar o tempo e que a apertura do encoro do Tambre encha de auga doce a praia.

"Isto aquí aféctanos moito, e ademais cando desaugan nunca avisan. Un día tivemos que agarrar os rastros porque nos levaba a marea. Paréceme mal que non nos avisen nin ninguén se interese se estamos no mar. É un perigo", asegura outra.

Para este reinicio da campaña teñen fixados topes moi pequenos. queren comprobar se hai demanda por parte dos compradores. 

"Tres quilos de cada especie temos nós, e os barcos cinco quilos de berberecho. O resto igual que nós. Uns topes moi pequenos", di Marisol Amado, presidenta da Agrupación de Marisqueo a Pé de Noia. 

"Si, cóllense fácil, en pouco tempo, pero intentas escoller o tamaño máis grande, traballar a ameixa fina, que é a que dá o carto".

A ameixa fina tamén é a máis escasa. Na última poxa, a principios de xaneiro, o quilo oscilou entre os 27 euros e os 67, en función do tamaño. Pero o forte de Noia é o berberecho, e todos esperan beneficios do recentemente adquirido selo Galicia Calidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2020