CRTVG

Buscar

O lume calcina o rabaño ovino e numerosos bens dunha familia da Estrada

Publicado o 07/01/2020 13:59

O incendio desatouse no cuberto contiguo a esta casa da Valiña, na parroquia estradense de San Xurxo de Vea, arredor das once da noite de Reis. Tres dos catro moradores da casa estaban a ver a televisión e a avoa foi quen os alertou.

Alberto Carballo, fillo dos propietarios, explica: "Nisto miña avoa, que ten 92 anos, dixo 'aí hai unha luz grande fóra, que pasa?'. Eu quedei asi, fun mirar e xa vin saltar todo polo aire, o lume, e díxenlle á avoa que nos botásemos fóra da casa, avisei a meus pais e saímos. Xa vimos o incendio que había. Meu pai intentou apagalo coa mangueira, pero xa era imposible. Chamei o 112. Saquei o coche que tiña para intentar salvalo, pero os outros dous xa arderon".

Explica Alberto que un era un Ford Kuga noviño de todo, o outro era un C-5 vello, pero en uso. Este martes agardaban a chegada da Policía Científica e do perito do seguro. Din que non saben que foi o que orixinou un incendio en que pereceu o rabaño ovino e arderon moitos outros bens da familia.

Alberto engade: "Tiñamos seis ovellas, acabadas de parir, e seis años e morreron todos. Non puidemos facer nada por eles, porque estaba ardendo todo. Non o intentamos, porque era poñernos nós en perigo".

No plano material, "dous coches, tres conxeladores, o lagar que estaba todo ben coidadiño, lavadora, a corte das ovellas, a bodega tamén está afectada, un montón de cousas que agora temos que valorar, apeiros de labranza. Moitísimas cousas".

"Tiñamos moito medo que nos pasase para dentro, porque se chega a pasar, xa nos ardía a casa".

Na extinción traballaron efectivos de Urxencias da Estrada, un deles mancouse polo golpe dunha viga, e tamén bombeiros do parque de Silleda.

Noticias web

07/01/2020