CRTVG

Buscar

O Lugo quere ratificar ante o Almería a boa imaxe do partido co Leganés

Publicado o 23/09/2020 21:42

En dúas xornadas o Lugo ofreceu dúas versións moi diferentes. A brillante vitoria ante todo un candidato ao ascenso coma o Leganés chegou despois das dúbidas que deixou a estrea en Fuenlabrada. Segundo recoñece Roberto Canella: "Coido que nos vén ben ás veces termos un mal partido para sabermos que o podemos facer moitísimo mellor e para facermos pensar que o Club Deportivo Lugo está aí e que pode facer ben as cousas".

A seguinte xornada suporá un novo desafío; o rival é o Almería, outro candidato ao ascenso. Pero o Lugo chegará máis rodado ao encontro porque os andaluces logo de xogar e perder a promoción de ascenso van disputar o seu primeiro partido desta temporada ante o equipo de Juanfran. "Vantaxe non creo porque eles están xogando partidos de pretemporada tamén. Vense partidos e vense vídeos e vese que están ben", di o lateral asturiano.

Pita e Iriome, mancados, poderían perder ese partido en que o Lugo tentará ofrecer a súa mellor imaxe, empezando polo corte de pelo, porque Juanfran xa advertiu: "Vou empezar a cortar o pelo xa. Fixeron que mercase tesoiras, peite e todo". Pero Canella non está demasiado convencido: "Si que vai empezar a cortar o pelo a algún que outro, vese que se lle dá bastante ben, pero quero esperar a ver o primeiro, e a partir de aí xa vexo se o corto eu tamén ou non".

Noticias web

23/09/2020