CRTVG

Buscar

O Lugo empata en Málaga no engadido

Publicado o 21/12/2019 20:13

Unha lesión do asistente tivo o encontro detido sete minutos

Eloy chegaba discutido a este partido, inmerso nunha grave crise de resultados.

Eliminado da Copa e logo de cinco xornadas sen gañar en que sumou dous de quince puntos en xogo.

O inicio do seu equipo tampouco o invitaba ao optimisimo.

Os andaluces saíron máis enchufados ao partido. A proba é que aos trece minutos tomaron vantaxe no marcador logo dun centro de Renato Santos rematado por Sadiku.

O albanés cedido polo Levante está a ser unha das chaves na recuperación do equipo malacitano que suma cinco xornadas sen perder nas que marcou catro dos sete goles cos que conta.

E pouco antes do descanso puido aumentar a vantaxe en tres claras ocasións.

Na primeira, o colexiado anuloulle o gol por fóra de xogo.

Nas dúas seguintes, primeiro Canella e despois o poste impediron que o seu equipo marchara ao descanso cunha cómoda vantaxe.

O primeiro achegamento perigoso dos lucenses produciuse no engadido do primeiro tempo, cando Manu Barreiro remataba un centro de Leuko.

O encontro deu un xiro teatral coa lesión do asistente Pescador Hernández logo dun choque con Djaló.

Eloy, consciente de que o partido e o seu posto lle podían escapar, deu entrada a Campabadal, Carrillo e Chiqui.

O canteirán puxo a proba a Munir catro minutos antes do remate, mais o que engadise o colexiado, en principio, dez minutos.

Tempo suficiente para que o Málaga puidese facer o segundo neste remate de Juankar ao poste.

E para que Pita, logo dunha parada de dous minutos, executase con mestría un libre directo que lle daba ao Lugo un empate con sabor a vitoria para Eloy.

Un gol que aos xogadores e ao técnico lles facía falta.

 

Noticias web

21/12/2019