CRTVG

Buscar

O Lugo acada a felicidade coa remonta diante do Leganés

Publicado o 20/09/2020 21:14

Esta é historia dun partido en que Juanfran comezou alegre e marchou feliz.

E iso que o Leganés lle amargou a primeira parte, en que controlou o xogo grazas á súa superioridade no medio do campo. Incluso, adiantouse no marcador por medio de Sabin Merino tras un gran pase de Shibasaki.

O tanto foi anulado inicialmente por fóra de xogo pero, tras a revisión do VAR, acabou sendo concedido.

Con todo, a entrada de Valentín polo mancado Iriome e de Juanpe e Carrillo no descanso, dérolle un xiro ao encontro despois de que Rubio estivera a piques de facer o segundo nada máis volver da caseta.

A partir de aí emerxeu a figura de Valentín para desequilibrar o encontro coa súa velocidade. Nunha das súas carreiras, chega ata liña de fondo e centra para que o Puma Rodríguez anunciase un partido novo.

Deseguido, Valentín volveu arrancar deixando tres rivais as costas e o seu centro, esta vez, si o aproveita o Puma Rodríguez para lograr o un a un. Primeiro gol do panameño, outro dos destacados do choque.

O Lugo ía a máis e o Leganés a menos. Carrillo dispuxo desta clarísima oportunidade para facer o segundo, pero a pelota, incomprensiblemente, marcha fóra.

De inmediato é Juanpe quen dispón doutra clara ocasión para consumar a remonta.

Pero tivo que ser outra acción de Valentín a lle dera a vitoria ao Lugo. O catalán, presentado esta semana por terceira vez, volve poñer a directa, marcha de catro xogadores e cae derrubado na área.

O colexiado manda seguir. Incluso, o Leganés está a piques de marcar nunha cabezada de Borja Bastón rexeitada por Cantero. Con todo, o VAR recoméndalle a Ocón Arraiz que revise a xogada e comproba que, efectivamente, foi penalti.

Penalti que transforma Manu Barreiro no dous a un definitivo e que lle daba ao Lugo a primeira vitoria da temporada. Juanfran respiraba, por fin, contento e aliviado.

 

Noticias web

20/09/2020