CRTVG

Buscar

O Lugo cedeu axiña diante do Almería (0-2)

Publicado o 27/09/2020 15:13

O Lugo saiu cedo ao Anxo Carro pero entrou tarde no partido. De feito aos doce minutos xa perdía por dous a cero nas dúas primeiras chegadas do Almería.

Levábanse sete minutos, cando Akieme recolle un balón solto tras un centro de Villalba e supera a Cantero polo pau que estaba a defender.

Manu Barreiro respondeu de inmediato, pero a súa cabezada marchou fóra na única ocasión luguesa no primeiro tempo.
E no minuto doce, outra xogada pola banda esquerda na que participan Akieme e Juan Villar, acaba nos pés de Aketxe que fai o cero a dous. O ex deportivista facía o seu primeiro tanto coa camiseta almeriense.

Os andaluces estaban a xogar moi cómodos, ata o punto de acumular ata un 73 por cento de posesión no primeiro tempo.

Fran Villalba estivo a piques de facer o terceiro antes de chegarse ao descanso.

O segundo tempo comezou co troco do debutante Xavi Torres no lugar de Juanpe. E con dous cartóns amarelos ao lateral Akieme en dez minutos que deixaban ao seu equipo en inferioridade. A Valentín quedáballe despexado todo o corredor dereito para levar perigo e recurtar diferenzas.

Tentouno Cristian Herrera pero o seu disparo marchou fóra. O Almería adicouse a controlar o xogo e non recibir ocasións. De feito, Makaridze non sufriu un so disparo en todo o partido.

A lesión de Valentín acabou coas esperanzas lucenses de meterse no encontro e confirmaba a vitoria almeriense por segunda temporada consecutiva.

 

Noticias web

27/09/2020