CRTVG

Buscar

O lobo mata un poldro valorado nuns 600 euros nun ataque no Valadouro

Publicado o 15/07/2020 14:38

Un poldro morreu no Valadouro como consecuencia do ataque do lobo. Segundo denuncia o seu propietario, o animal quedou ferido de morte logo de sufrir diversas trabadas no seu corpo.

Sucedeu no monte en man común de San Tomé de Recaré, onde o gandeiro afectado ten uns 80 cabalos.

Yoel Pena Rega, gandeiro: "Eu teño aquí as bestas, cunhas chocas e uns colares GPS. A fin de semana houbo néboa e o domingo cheguei onda elas, localizándoas co colar, e vin un poldro xa agoniando. Estaba ferido, diante e mais detrás, e xa non puiden facer nada. Botou media hora con vida. Estaba enteiro e as feridas non eran moi grandes, pero o lobo onde roe deixa moita infección e é moi difícil de curar".

O dono do gando denuncia que este non é o primeiro ataque que sofren as súas bestas por parte do lobo. Sinala que o poldro, duns cinco meses, estaba valorado nuns 600 euros.

Destes cartos, só sería indemnizado con apenas a metade logo de máis dun ano de espera.

Yoel Pena Rega, gandeiro: "Eu chamei e viñeron velo para avaliar os danos. Iso vai en función da idade e danche unha porcentaxe. O poldro tiña sobre cinco meses e estimo que tiña un valor duns 600 euros. Hai aquí sobre 80 bestas, neste monte, e ao mellor só van recriar tres ou catro poldras desas 80 bestas. Así que é insostible. O lobo antes estaba nas zonas altas, pero foi baixando e agora non nos deixa nada nin abaixo nin arriba. Eu non teño nada en contra del, pero isto non se pode soster. Isto vaise acabar".

Segundo sinalan os veciños do lugar, chegaron a avistar pola contorna mandas de ata sete lobos.

Noticias web

15/07/2020