CRTVG

Buscar

O vento supera os 100 km/h e a chuvia, os 20 litros por metro cadrado

Publicado o 12/12/2019 14:59

• Aviso laranxa no litoral e no interior de Pontevedra

Toda a costa galega permanece este xoves en alerta por ondada e intensa choiva, así como por forte vento, que alcanzou os 107 quilómetros por hora na provincia de Lugo e rozáronos na Coruña, segundo informa Meteogalicia.

A estación lucense de Viveiro rexistrou esta mañá ás 9:50 horas refachos de vento a 107,6 quilómetros por hora, mentres que a coruñesa de Cedeira alcanzou os 106,4 quilómetros hora.

Onde máis choveu este xoves foi na provincia de Pontevedra, con 21,1 litros por metro cadrado en Cotobade e 20,8 en Meis; en Lugo, con 20,4 litros por metro cadrado en Folgoso do Courel, e na Coruña, con 19,4 en Rois.

A altura de onda máis significativa rexistrouse ata o momento na provincia da Coruña, na boia de Estaca de Bares, con 6,56 metros; seguida dos 5,74 de Vilano-Sisargas e os 4,61 na Coruña.

Aviso laranxa por temporal costeiro

O porto de Ribeira amencía esta mañá con gran parte da súa frota pesqueira amarrada. O motivo, o temporal que obrigou a activar o aviso laranxa en todo o litoral galego.

Un temporal costeiro que chega en plena campaña de Nadal, e que é mellor levar con resignación e sentido do humor.

Segundo as previsións, será unha xornada na que se rexistrarán, en distintos puntos do litoral, ondas de ata 6 metros, que poden ser maiores a partir do mediodía. Por iso, a Dirección Xeral de Emerxencias recomenda a suspensión de actividades pesqueiras e marisqueiras nas zonas máis perigosas, así como afastarse da primeira liña da costa, praias e paseos martítimos, ante os posibles arrastres e golpes de mar.

Tempo revolto que invita a facer plans a cuberto.

Situación inestable na costa que se manterá nos vindeiros días.

Temporal na Mariña

A situación de alerta laranxa tamén segue activada na Mariña luguesa. Así, a frota de baixura permanece amarrada nos portos, como este de Burela. O tempo impediu que os barcos saíran pescar por causa do forte vento e das ondas de ata sete metros de altura a pouca distancia da costa. Ademais, en Viveiro rexistráronse refachos de vento de máis de cen quilómetros por hora. A situación de continuos temporais está a afectar os mariñeiros, que non poden ir pescar.

"A previsión é mala e non se pode saír pescar para evitar riscos. Levamos un outono con moita alerta laranxa".

En terra, a situación foi moi inestable durante toda a mañá, se ben non se produciron polo momento as intensas chuvias que se agardaban. En calquera caso, dende Protección Civil fan un chamamento á poboación para extremar as precaucións e evitar tanto accidentes como situacións de risco.

"Hai que evitar achegarse á costa e ter coidado cos refachos de vento. Non debemos buscar a mellor foto arriscando a nosa vida".

Para as vindeiras horas agárdase que continúe a situación de inestabilidade en todos os concellos costeiros da provincia de Lugo.

Chuvia intensa e fortes refachos de vento

Hai aviso laranxa en zonas do interior da Coruña e Pontevedra e tamén na montaña de Lugo por acumulacións superiores aos 80 litros por metro cadrado en 12 horas. No resto das dúas provincias atlánticas agárdanse rexistros de ata 40 litros por metro cadrado no mesmo período de tempo. Alí o aviso é amarelo.

Chuvia intensa e, ademais, fortes refachos de vento. Hai aviso amarelo tamén no noroeste da Coruña, na Mariña e nas zonas altas de Ourense. Agárdanse refachos superiores aos 80 quilómetros por hora.

Mañá será unha xornada de transición con chuvia xeneralizada, pero sen avisos en terra.


Noticias web

12/12/2019