O legado de Man en Camelle chega ao CGAC
Publicado o 06/03/2020 14:36
A súa extravagancia e o seu modo de vida nun pequeno habitáculo a carón do mar en Camelle levantou moita expectación nos anos 70. Alí Manfred, máis coñecido como Man, comezou a facer realidade o seu proxecto artístico que iniciou nos exteriores da súa vivenda. Un proxecto materializado tras a súa morte tal e como deixara reflectido nos seus escritos.
Esculturas, debuxos, escritos, autorretratos, cadernos, fotografías que o Centro Galego de Arte Contemporánea acolle agora para achegarnos á esencia do Man creador, á marxe do seu extravagante modo de vida.
A exposición, en que tamén se vai poder visionar un documental sobre Man, permanecerá aberta ata o 30 de agosto.