CRTVG

Buscar

O investigado por dispararlle á cadela Alma non poderá ter nin armas nin animais

Publicado o 19/12/2019 11:30
O investigado por dispararlle á cadela Alma non poderá ter nin armas nin animais

A titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Chantada prohíbelle ao suposto autor do disparo que acabou por matar á cadela Alma, despois de varios días ingresada en estado grave no Hospital Clínico Veterinario Rof Codina de Lugo, ter armas ou animais ao seu cargo mentres dure o correspondente proceso xudicial.

O sospeitoso acolleuse ao seu dereito a non prestar declaración na súa comparecencia como investigado por un delito de malos tratos animais no Xulgado de Chantada.

Segundo informou a protectora O Refuxio, que acode como acusación particular na causa, tanto o seu representante legal como o ministerio fiscal solicitáronlle á xuíza a imposición desas medidas cautelares "ante a posibilidade de reincidencia por parte do investigado".

O presidente de O Refuxio, Nacho Paunero, que onte viaxou a Chantada para asistir á declaración do investigado, mostrouse "moi satisfeito" polo auto en que a xuíza dita as mencionadas medidas cautelares.

Paunero lembrou que o "procedemento continúa" e tanto as dilixencias da Garda Civil como o instrución da xuíza de Chantada están a ser "impecables", polo que confía en que este caso "chegue a xuízo e se produza unha condena".

Desde o seu punto de vista, "uns feitos tan graves de ningún modo poden quedar impunes".

Informou, así mesmo, de que se producirán novas declaracións na causa entre os meses de xaneiro e marzo, porque está previsto que comparezan o veterinario que atendeu á cadela, os axentes de Garda Civil que levaron a investigación e testemuñas do ocorrido.

A Consellería de Medio Ambiente puxo este caso en mans das Fiscalía de Lugo, unha vez recibida a denuncia procedente do posto da Garda Civil de Chantada e, a pedimento do Ministerio Público, este caso chegou ao Xulgado de Chantada.

Medio Ambiente tamén se fixo cargo de buscarlle unha familia de acollida, tutelada pola súa propio persoal, aos seis cachorros da cadela Alma. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí