CRTVG

Buscar

O inventario de Meirás: 697 obxectos históricos e moitas dúbidas

Publicado o 09/12/2020 20:35

Pode haber en Meirás máis tesouros aínda fóra do alcance da vista. E hai voces que piden un inventario aínda máis detallado. 

"Habería que partir deste inventario e abrir caixóns, arcóns, obxectos que non están á vista, e tentar documentar a orixe", propón Xosé Manoel Seixas, presidente da comisión de expertos sobre o pazo de Meirás.

Anos 60. Xuntanza do consello de ministros no pazo de Meirás. "Funcionaba como unha sede da xefatura do Estado en período estival que foi amoblada en boa medida con obxectos pertencentes a Patrimonio Nacional, que proviñan das coleccións reais, e boa parte deste material, ou todo, non foi devolto despois da morte do xeneral Franco".

Hai retratos do propio Franco. Os seus herdeiros pedíronlle ao xulgado poder retirar todos os bens de Meirás. O inventario sinala case 700 obxectos considerados relevantes para a integridade deste ben de interese cultural. 

"Hai varios tapices, alfombras, sofás, armarios, cómodas... E as estatuas dos evanxelistas ou a pia de Muxía e outros obxectos que sabemos están aí e teñen un valor patrimonial incalculable".

Valiosa tamén a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, que deseñou as torres para dispor dun recuncho de illamento e inspiración. Dicía a escritora que as casas contaban moito sobre o seu propietario.

"É un inventario que deixa máis dúbidas ca respostas".

Haberá máis luz cando haxa sentenza firme. Entón o pazo contará moito sobre o seu propietario, o pobo.

Noticias web

09/12/2020