CRTVG

Buscar

Confinan a localidade de Santo Domingo por mor do incendio de Garafía, na Palma

Publicado o 23/08/2020 09:56

Esta noite confinaron de xeito preventivo os veciños de Santo Domingo, por mor da evolución do incendio declarado o venres en Garafía, na illa da Palma, e que arrasou 400 hectáreas. O 112 recomenda non acceder á zona afectada e aconsella á poboación que permaneza na localidade ata novo aviso.

Nas últimas horas os traballos de extinción dos equipos terrestres concentráronse nos puntos quentes e nos labores de arrefriamento. Dende as primeiras horas deste domingo, os medios aéreos comezaron a efectuar descargas. O presidente do goberno canario, Ángel Víctor Torres, pediu "máxima precaución" despois dunha noite de "intensos e frutíferos traballos" para conter o lume.

O avance das lapas, ante as condicións meteorolóxicas adversas, obrigara onte a evacuar de xeito preventivo uns 300 veciños de distintos barrios do concello de Garafía. Ata a zona se desprazaran desde Tenerife máis de 60 membros da Unidade Militar de Emerxencias para colaborar no seu control e agardaban a chegada doutros 50 desde Gran Canaria. 

Garafía é coñecido porque no seu termo municipal alberga o Roque dos Muchachos, sede dos telescopios do Instituto Astrofísico das Canarias.