CRTVG

Buscar

O incendio dun transformador deixa sen luz negocios e vivendas de Área Central

Publicado o 11/07/2019 12:52


O incendio declarouse contra as sete da mañá nun transformador eléctrico situado nun dos accesos ao aparcadoiro do edificio Área Central, no barrio compostelán das Fontiñas. Algunhas testemuñas compararon os estalidos e as chispas que saían de aquí cos fogos do Apóstolo. Outras, cunha bomba. Susana García, xefa de recepción do hotel Área Central: "Empezaron unhas explosións que duraron media hora e vimos un fume negro. Non sabiamos que estaba pasando, o chan retumbaba, movíase debaixo." O hotel encheuse de fume e os clientes baixaron alarmados á recepción. Susana García, xefa de recepción do hotel Área Central: "Aquí estamos sen luz, sen teléfono, totalmente incomunicados." No edificio hai negocios e vivendas. A unha das veciñas que utiliza un respirador conectado á rede eléctrica tiveron que trasladala en ambulancia ao hospital. Algunhas tendas non puideron nin abrir as persianas. ISABEL González, empresaria: "Non nos deron ningún tipo de explicación, só que prendeu lume no transformador, e estamos todos sen poder facer nada." Na tenda de Isabel preparan a diario medio cento de pratos para levar, pero esta mañá case daba por perdido o día.  ISABEL González, empresaria: "Preocupación polas neveiras, temos gas pero, ao non haber luz, non podemos cociñar. Os provedores están chegando, tampouco sabemos se temos que devolver o pan. Non sabemos se imos poder abrir. Esa é a cuestión máis preocupante." Un equipo dos bombeiros de Santiago sufocou o incendio con extintores de CO2 e permaneceu no lugar ata a chegada da empresa encargada de restablecer a subministración eléctrica.
 

Noticias web

11/07/2019