CRTVG

Buscar

O hospital Polusa suma 17 positivos entre os pacientes da súa Unidade do Maior

Publicado o 09/09/2020 07:50
O hospital Polusa suma 17 positivos entre os pacientes da súa Unidade do Maior

O Policlínico Lucense (Polusa) suma xa 17 casos positivos de covid-19 entre os 32 pacientes ingresados na súa Unidade do Maior, ademais de tres traballadores contaxiados, segundo confirmaron fontes do propio centro sanitario.

O director médico de Polusa, Miguel Larrosa, sinalou que, en canto se detectou o primeiro caso a finais de agosto, o dunha traballadora, estivéronse facendo probas, que permitiron confirmar outros dous positivos no cadro.

Con respecto á Unidade de Maiores, no cribado inicial detectáronse 3 casos de pacientes pero, ao repetirse as probas aos ingresados que deran negativo, fóronse confirmando novos contaxios, ata os 17 maiores afectados ata o momento.

Larrosa explicou que o hospital mantén illados os afectados dentro da propia Unidade do Maior, pero que, debido ás limitacións do espazo, están a traballar para poder trasladar os anciáns que deron negativo a outras unidades de hospitalización.

Así mesmo, confirmou que, ademais das probas aos pacientes desa unidade, están a realizarse probas "a todos os traballadores do hospital".

Pola súa banda, a responsable de Comisións Obreiras no comité de seguridade e saúde de Polusa, Marta López, reclamoulle á dirección do hospital que dea "información" sobre a situación do gromo, e sinalou que se seguen revisando probas, polo que poden aumentar os casos.

Así mesmo, lembrou que instaron a dirección a illar os contaxiados "nunha planta baleira, que durante a pandemia íase destinar a iso". "O problema é que os propios traballadores atenden pacientes con covid-19 e persoas sas. É aí onde temos o problema. Xa avisamos ata en tres ocasiones para que se ille os maiores e os traballadores", denunciou a sindicalista.

Trece novos positivos elevan a 309 os casos activos no gromo de Lugo

Os 13 novos positivos detectados nas probas PCR que o Sergas realizou na cidade de Lugo elevan a 309 os casos activos no gromo de coronavirus cuxo epicentro foi localizado no barrio da Milagrosa.

Segundo informou o propio Sergas, continúa o rastrexo dos contactos das persoas que previamente deron positivo, de modo que nas últimas horas foron realizadas 280 probas PCR.

Na xornada de onte foran confirmados outros 14 positivos, de modo que en dous días detectouse unha trintena de casos activos, aínda que tamén se produciron altas nas últimas horas de persoas que xa superaron a enfermidade.

Nestes momentos, 35 persoas permanecen ingresadas en planta no Hospital Universitario Lucus  Augusti (HULA) e outras catro na Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

As medidas restritivas establecidas pola Consellería de Sanidade para tratar de frear o gromo de coronavirus en Lugo afectan unha parte da zona norte da cidade, que coincide en gran medida co barrio da Milagrosa.

Nesa zona, os restaurantes non poden superar o 50% da súa capacidade no comedor e nos bares e cafeterías non está permitido o consumo no interior dos establecementos.