CRTVG

Buscar

O hospital de campaña de Expocoruña podería recibir doentes en 24 horas

Publicado o 06/04/2020 21:26

O hospital de campaña de Expocoruña está case listo e o Sergas asegura que está en disposición de recibir pacientes en 24 horas. Con todo confirman que de momento non é necesario. 

A nave central de Expocoruña vai collendo a forma dun hospital. A infraestrutura conta cun equipamento similar ao de 8 plantas do CHUAC. Habilitáronse 8 unidades de hospitalización con capacidade para 30 camas cada unha e cadanseu control de enfermería.

A instalación básica xa está rematada, falta só traer o mobiliario e doutalo de servizos asistenciais. 

O hospital de campaña non ten unidades de UCI, porque está pensado para a atención de pacientes máis leves de coronavirus, os que agora están atendidos en planta.

O de Expocoruña está case listo e en Santiago continúan tamén as obras para acondicionar o Multiusos Fontes do Sar como un segundo hospital de campaña con capacidade para 150 camas de hospitalización. 

Dende o Sergas din que de momento non son necesarios, pero que ambos estarán listos en cuestión de días por se a pandemia agrava a situación nos hospitais galegos.

 

Noticias web

06/04/2020