CRTVG

Buscar

O Hospital Clínico de Santiago priorizará a cirurxía mentres non se aclara a polémica dos 'stents'

Publicado o 19/12/2019 14:37

A polémica só afecta o uso do stent en pacientes con enfermidade do tronco da arteria coronaria esquerda. Neste caso, segundo o estudo, as persoas con stent, unha especia de malla con forma de tubo que desobstrúe a arteria, teñen máis posibilidades de sufrir un infarto grave e aumenta a mortaldade se se compara cos que se someten a cirurxía. Ante isto, no Hospital Clínico de Santiago priorizarán a cirurxía cando sexa posible.

José Ramón González Juanatey, xefe de Cardioloxía do Hospital Clínico de Santiago: "Mentres isto non se aclara, imos seguir debatendo de xeito individual cada paciente e imos ver se algún paciente que antes derivabamos a stent agora derivámolos máis á cirurxía. Pero isto non quere dicir que non vaiamos a seguir utilizando stents nos pacientes con enfermidade de tronco cando o vexamos indicado".

Os especialistas lembran que os stents salvan a vida de moita xente e, cando están indicados, son a mellor solución. Por iso, mandan unha mensaxe de tranquilidade ao paciente que xa teña o dispositivo.

José Ramón González Juanatey, xefe de Cardioloxía do Hospital Clínico de Santiago: "Que pode estar totalmente tranquilo, que ese stent está prolongando a súa vida e mellorando a súa calidade de vida".

E para reforzar esta mensaxe de tranquilidade, os cardiólogos piden unha auditoría externa do ensaio clínico que orixinou a polémica e xerou incerteza nos pacientes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/12/2019