CRTVG

Buscar

O home que matou a cadela de Chantada fíxoo porque era "un perigo" para os coches

Publicado o 05/12/2019 14:10
O home que matou a cadela de Chantada fíxoo porque era "un perigo" para os coches

O autor confeso do disparo a unha cadela en Chantada, que morreu o martes debido ás graves feridas que presentaba, aseguroulles aos axentes da Garda Civil que o fixo porque o animal era "un perigo" para os coches.

Así se recolle no atestado da Garda Civil ao que tivo acceso Europa Press no que se explica a versión que lles deu aos axentes que se trasladaron ao lugar dos feitos o pasado sábado cando se tivo coñecemento do sucedido.

Nela, este veciño da localidade de Chantada, admítelles aos axentes que lle disparou cunha escopeta ao animal, que segundo o seu relato, levaba uns 15 días pola zona, porque "constituía un perigo para os vehículos".

Pola súa banda, unha testemuña que escoitou os disparos e logo viu o home arrastrando a cadela declarou que lle recriminou que lle disparase ao animal, ao que o autor confeso lle respondeu "que chamara varios sitios para que o recollesen e que lle fixeron caso omiso".

Esta testemuña explicou que despois "o home levou a escopeta á casa" deixando a cadela tirada no chan "e volvendo inmediatamente cun cordón de atar pacas de herba e o mastro dun pastor eléctrico" atando ao animal "ao pescozo" para logo arrastralo "uns 200 metros".

Esta persoa, que gravou os feitos nun vídeo difundido por redes sociais volveulle a recriminar a súa actitude, dicíndolle ao agora denunciado por estes feitos que o levaba "para a súa casa".

Despois da chamada á Garda Civil, testemuña e autor confeso sentaron xuntos. Alí, o home díxolle que "estaba moi nervioso e que ía coller un pau e darlle un golpe na cabeza [ao animal] para que non sufrise", o que finalmente non fixo a requirimento da testemuña.

Á súa chegada, os axentes comprobaron que se trataba dunha cadela que acabara de parir e que os cachorros, un total de seis, estaban no interior dun pendello que estaba pechado cunha porta.

Recollida de sinaturas

En repulsa por estes feitos, o partido animalista Pacma convocou concentracións este xoves en varias cidades, entre elas A Coruña, ás 17,30 horas no Obelisco, e en Santiago, ás 19,30 horas, na praza do Obradoiro.   

O partido animalista presentou, ademais, unha denuncia penal contra o home e reclama para el "a máxima condena". No entanto, admite que "o máis probable é que non entre en prisión, salvo que teña antecedentes penais".

Por iso, lembra que lanzou unha petición de firmas, que superou xa os 180.000 apoios, dirixida ao futuro Goberno, esixindo o endurecemento do Código Penal.

Responsabilidades administrativas

Sobre a situación da cadela, e ante a situación de abandono na que estaba, segundo recolle o atestado, a asociación animalista Libera lembra que é "competencia das administracións locais a recollida e acollida dos animais sen fogar, tal e como aparece sinalada no artigo 22 da Lei de Benestar Animal de Galicia".

Respecto diso, sinala que diferentes persoas afirman ver o animal en diferentes zonas de Chantada "sen que fose efectivamente rescatado, o que podería evidenciar unha falta de cumprimento da normativa autonómica".

Por iso, avanzan que trasladarán senllas peticións de datos á Consellería de Medio Ambiente e á Garda Civil "por se existise constancia en ambos os organismos".

Os defensores dos animais piden, ademais, "que se depuren posibles responsabilidades administrativas" polo sucedido.

Ademais, afirman que non se pode seguir "pola vía dos 'feitos consumados'" en materia de malos tratos animais, e insisten en que é urxente que os poderes públicos se comprometan coa prevención e a sensibilización.

 

Máis sobre Chantada