CRTVG

Buscar

O gromo detectado nunha empresa de San Cibrao das Viñas afecta xa a trece persoas

Publicado o 16/08/2020 16:36
O gromo detectado nunha empresa de San Cibrao das Viñas afecta xa a trece persoas

O gromo detectado o venres pasado que afectaba a tres pacientes, unha muller de 48 anos e outras dúas mulleres do mesmo núcleo familiar de 47 e 35 anos de idade, e que teñen domicilio noutros tantos concellos da provincia de Ourense, aumentou en dez novos casos positivos, na maior parte do ámbito familiar das pacientes, despois do estudo e identificación dos seus contactos máis directos e da realización das probas diagnósticas PCR pertinentes.

Os novos casos corresponden a catro mulleres de 74, 56, 44 e 44 anos, un home de 46 anos, tres rapaces de 17, 14 e 13 anos e dous nenos.

O gromo detectouse inicialmente nunha muller e unha compañeira de traballo dunha empresa establecida no concello de San Cibrao das Viñas e neste momento os trece pacientes do gromo atópanse en situación de illamento nos seus respectivos domicilios, monitorizados a través da plataforma de teleasistencia TELEA e en seguimento constante polos equipos dos profesionais sanitarios dos seus respectivos centros de saúde.

Gromo familiar en Laza con cinco infectados

O seguimento dos contactos dun caso importado de covid-19 detectado o sábado nun home de 54 anos de idade no Concello de Laza deu lugar á detección nesta mañá de cinco casos máis, confirmados por PCR, todos eles con nexo familiar.

Os cinco novos casos detectados corresponden a dous homes de 84 e 59 anos, dúas mulleres de 80 e 53 anos e unha moza de 17 anos de idade. Dende o primeiro momento activouse o protocolo de identificación, control e seguimento dos seus contactos estreitos e realización das probas diagnósticas correspondentes.

Neste momento os pacientes están en situación de illamento nos seus respectivos domicilios enseguimento polos profesionais sanitarios dos seus centros de saúde e o seu PAC e serán monitorizados mediante a plataforma TELEA para o seguimento constante e o control na evolución dos seus síntomas.