CRTVG

Buscar

Tres dos catro falecidos están vencellados coa residencia do Incio, que suma tres casos máis

Publicado o 04/09/2020 13:37

O cribado ao persoal de hostalería do barrio da Milagrosa remata sen casos positivos. Os veciños volven sentar nas terrazas dos establecementos, xa que só nestes espazos os hostaleiros poden atender os seus clientes. Unha medida que os levou a baixar o enreixado durante cinco días como protesta.

 "Pecharon e parecía que estabamos coma antes, daba pena"; "Un pouco máis animado, pero aínda lle falta"; "Como da primeira vez aquí houbo poucos contaxios non lle dei importancia, pero agora", din os veciños.

Seguen detectándose novos casos, pero empezan a acoutarse as cadeas de transmisión no gromo que afecta a cidade. Isto signfica que os novos contaxios están relacionados cos xa diagnosticados e polo tanto a maioría xa estaba en corentena. Os casos na cidade superan os 300.

 "Son bastantes para Lugo, pero tamén hai xente que non ten coidado e non respecta as normas"; "Empeza a reducirse, se todos somos responsables isto debería reverter e poderiamos facer unha vida medianamente normal", opinan os veciños.

Na provincia tamén segue a ser moi preocupante a situación das dúas residencias afectadas polos gromos. No Incio rexistráronse tres falecidos máis, unha muller de 84 anos, e dous homes de 88 e 59 que estaban ingresados no HULA. O centro suma ademais tres contaxios máis no seu cadro de persoal e xa son 34 traballadores infectados e 84 usuarios.

Tamén aumentan os casos na residencia de Outeiro de Rei, catro positivos máis, dos cales tres son traballadores e un cuarto é o dun usuario. En total no centro hai 51 enfermos.

Noticias web

04/09/2020