CRTVG

Buscar

O Govern "comparte" as protestas, aínda que admite "algún momento de conflito"

Publicado o 15/10/2019 11:10
O Govern "comparte" as protestas, aínda que admite "algún momento de conflito"

A conselleira da Presidencia e portavoz do Govern, Meritxell Budó, dixo este martes que "comprende" e "comparte" as mobilizacións levadas a cabo tras coñecerse a sentenza do caso do procés, aínda que admitiu que ao longo do día de onte luns "si houbo algún conflito".

En declaracións a SER Catalunya, Budó apuntou que "o Govern debe garantir o libre exercicio do dereito a manifestación e, ao tempo, debe velar pola normalidade do día a día".

Indicou que o aeroporto é "unha infraestrutura estratéxica" e que as penas por impedir o seu normal funcionamento "poden ser moi elevadas", mesmo poderían sentenciarse condenas por sedición, así que a actuación dos Mossos, dixo, tamén estaba encamiñada a "protexer, que non se producisen estes feitos".

A xornada deste luns deixou máis dun centenar de feridos nas protestas; ademais, o Departamento do Interior anunciou que investigará unha actuación dos antidisturbios dos Mossos d'Esquadra en que un furgón policial arrincou cunha manifestante subida na parte dianteira do vehículo.

Budó defendeu que as manifestacións se desenvolveron maioritariamente "de maneira cívica e pacífica", unha actitude que mantiveron "decenas de miles de persoas" a pesar de que si "houbo máis dificultades" cara á noite no aeroporto do Prat, sinalou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí