CRTVG

Buscar

O Goberno traballa para repatriar españois xunto a outros países europeos

Publicado o 28/01/2020 14:38

O Goberno español asegura nun comunicado que mantén unha estreita colaboración cos seus socios europeos para axilizar os trámites que permitan traer de volta os vinte españois que permanecen en Wuhan, foco da pneumonía causada polo coronavirus. Tamén están en contacto permamente coas autoridades chinesas para cumprir os protocolos sanitarios que esixe a repatriación.

No aeroporto de Baraxas, en Madrid, policías e o persoal que traballa nas zonas en que chegan voos procedentes da China empezaron a tomar medidas para evitar contaxios.

"Usar uns guantes de nitrilo como estes, dun só uso, tanto para facer un cacheo como para inspeccionar documentación e equipaxe, e tamén nas zonas de control de documentación máscaras coma esta", explicou unha axente de policía do aeroporto.

O coronavirus infectou ata o de agora máis de 4.500 persoas na China, a maior parte en Wuhan e a súa provincia, Hubei, onde 46 millóns de habitantes permanecen illados en corentena, pero tamén noutras zonas como Shanghai ou Pequín. Están confirmadas 106 mortes, 100 delas en Hubei.

En Wuhan fixeron unha cesárea de urxencia a unha muller embarazada sospeitosa de ter o coronavirus para poder tratar o bebé se está infectado ou para evitar que se contaxie se non o está.

No resto do mundo diagnosticáronse corenta infectados en doce países, dous deles europeos, Francia e Alemaña. Quedou desbotado que a turista islandesa ingresada nun hospital en Torrevieja, Alacante, tivera o coronavirus de Wuhan, onde estivo antes de viaxar a España.

Noticias web

28/01/2020