CRTVG

Buscar

O Goberno suspende a regra de gasto dos concellos en 2020 para darlles liquidez

Publicado o 14/09/2020 15:23

O decreto que prepara o Goberno permitiralles aos concellos usar este ano o superávit acumulado en 2018 e 2019. Ademais, cando fagan os seus presupostos, non terán teito de gasto. Os topes que impón a Lei de estabilidade orzamentaria quedarán suspendidos este ano e probablemente tamén o que vén. O executivo rectifica así catro días despois de dicir que non había plan B tras a derrota do seu anterior decreto no Congreso.

María Jesús Montero, ministra de Facenda, explicaba que "imos impulsar un decreto-lei que pemita que o 85% das medidas que contaban cun amplísimo consenso que contiña esta norma poidamos volver presentalo. A miña intención é que en 2021 tamén estean suspendidas as regras fiscais para os concellos"

Montero cifra en 3.000 millóns de euros o impacto nas arcas municipais. A Federación de Municipios e Provincias e a oposición apláudeno.

Abel Caballero, presidente da Federación de Municipios e Provincias,  saudaba "que o Goberno e o Ministerio de Facenda tomen a iniciativa para reconstruír unha parte do que aquela votación negativa demoleu"

Para Melisa Rodríguez, voceira de Ciudadanos,  "o que si que está claro é que o Goberno mentiu cando dixo que non había outra opción e que tivo que levar un varapau importante para decatarse de que si había un plan B"

José Luis Martínez-Almeida, alcalde de Madrid, di que "todo o que sexa permitir gastar o superávit e permitir incumprir a regra de gasto, á marxe de que hai que ver os termos concretos do acordo, creo que vai na liña do que estabamos pedindo"

Alcaldes do PP, como o de Zaragoza, cren que novo decreto é insuficiente porque non inclúe os 5.000 millóns de axudas a fondo perdido que si aparecían na norma derrogada. Tamén quedan fóra os 15.000 millóns dos aforros municipais dos últimos e que os concellos seguirán sen poder tocar.

 

Noticias web

14/09/2020