CRTVG

Buscar

O Consello de Ministros non aprobará este martes a prórroga dos ERTE

Publicado o 16/06/2020 08:08

• O Executivo di que lle dará outra oportunidade á negociación antes tramitala

• O Goberno aproba o Fondo COVID-19 con 16.000 millóns para as autonomías

 

A reunión da comisión tripartita para pactar as condicións da prórroga os ERTE máis aló do 30 de xuño terminou sen acordo, pero coa intención de seguir negociando, despois de que o Ministerio de Traballo se comprometera a non levar este martes a medida ao Consello de Ministros.

Non hai data de momento para a nova reunión. Dende o Ministerio consideran que na reunión deste luns avanzouse e que insisten en que o documento presentado a patronal e sindicatos é só unha proposta.

A formulación de Traballo pasa por estender as exoneracións de cotas á Seguridade Social ás empresas que manteñan aos seus traballadores en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), pero diminuíndo as axudas progresivamente durante os meses de xullo, agosto e setembro, e primando a reincorporación de traballadores á actividade.

"Non se pechou unha posición conxunta. Imos continuar negociando ao longo desta semana, temos a garantía do Goberno de que mañá non vai ao Consello de Ministros", dixo o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, en declaracións remitidas aos medios tras a reunión.

Outras fontes do diálogo social, con todo, expresaron a idea de que o Goberno apenas se moveu da súa formulación e de que non parece que haxa moito marxe para que mellore a súa proposta no que respecta á redución das cotizacións sociais .

No cumio empresarial da CEOE, iniciado este luns, pediuse a continuidade desta medida de flexibilización laboral.

No documento analizado este luns proponse que para os traballadores que se reincorporen con redución de xornada a exención alcance o 60 % da achega empresarial en xullo, o 50 % en agosto e o 40 % en setembro para as empresas con menos de 50 empregados.

Para as que teñan 50 ou máis traballadores, as exencións baixan ao 35 % en xullo, ao 25 % en agosto e ao 15 % en setembro.

No caso de que os traballadores sigan en suspenso as exencións diminúen ao 35 % da achega empresarial en xullo, ao 25 % en agosto e ao 15 % en setembro para empresas de menos de 50 traballadores. A partir de 50 empregados, a suspensión só exonérase un 20 % en xullo, un 10 % agosto e un 5 % en setembro.

Para os traballadores afectados por un ERTE mantéñense as condicións extraordinarias da prestación por desemprego ata o 30 de setembro. O documento engade que non poderán efectuarse horas extraordinarias nin concertarse novas contratacións se hai algunha persoa afectada por ERTE na empresa. 

Noticias web

16/06/2020