CRTVG

Buscar

O Goberno prepárase para ampliar o confinamento

Publicado o 03/04/2020 15:21

Para aprobar esta nova prórroga precisan do apoio da oposición, nun momento en que aumentan as críticas á xestión do Goberno. E recrimínanlle tamén que aprobe medidas importantes sen dialogar.

Sánchez intenta rebaixar a tensión e vai contactar esta fin de semana cos voceiros dos partidos políticos. Din no Executivo que escoitan todas as opinións e que actuarán sempre seguindo o criterio das autoridades sanitarias.

O presidente do Goberno non se referiu hoxe a esta posibilide. Iso si, apelou "á unidade" de traballadores, empresarios e Administración pública como "a mellor fórmula" para salvar vidas e vencer o virus "moito antes do que esperamos e prevemos". Sánchez fixo estas consideracións nunha breve intervención ante os traballadores da empresa Hersill, en Móstoles (Madrid), que visitou este mediodía para poñer en valor a produción de respiradores para a loita contra o COVID-19 que comezaron a fabricarse nesas instalacións, dentro do programa do Goberno encamiñado a reorientar a industria cara á produción de material sanitario.

O doutor Fernando Simón admitiu este venres que haberá que manter unhas "semanas máis" algunhas das restricións impostas ata a data para frear os contaxios entre a poboación, aínda que non puido confirmar se para iso será necesario prolongar o estado de alarma máis aló do 12 de abril porque esa é unha decisión que "non depende dos técnicos" que asesoran ao Executivo. O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias opinou que a situación evoluciona ben e cre que é momento de empezar a pensar en como evitar que a transmisión do virus, que hoxe ve controlada, volva dispararse se non se ten "moito coidado". "Existe un risco de que se non continuamos coas medidas necesarias durante o tempo necesario todo ese avance que tivemos vaia marcha atrás", advertiu. "Neste sentido temos que, probablemente non manter o mesmo illamento que temos ata o de agora, é un dos detalles que hai que valorar ou se se pode ir relaxando nalgúns puntos", precisou.

Noticias web

03/04/2020