CRTVG

Buscar

O Goberno paralizará os desafiuzamentos das familias vulnerables

Publicado o 02/12/2020 20:11
O Goberno paralizará os desafiuzamentos das familias vulnerables

O Goberno paralizará os desafiuzamentos ás familias vulnerables que non teñan alternativa habitacional mentres dure o estado de alarma mediante un decreto lei que se aprobará canto antes no Consello de Ministros.

Segundo informaron este mércores fontes da Vicepresidencia Segunda do Goberno e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, competente en vivenda, ambos os departamentos alcanzaron este acordo un día despois de retirarse a emenda aos orzamentos xerais que Unidas Podemos presentara xunto a ERC e EH Bildu para prohibir os desafiuzamentos ata o 2022.

En virtude desta medida, as familias vulnerables non poderán ser desafiuzadas mentres non exista a posibilidade de que sexan reacollidas nunha vivenda digna, incluídas aquelas que viven como okupas en casas de propietarios con máis dunha decena de vivendas. Neste caso, precisan fontes da Vicepresidencia Segunda do Goberno, as comunidades autónomas terán un prazo máximo de tres meses para buscar unha nova vivenda para a familia en situación de vulnerabilidade.

De feito, as autonomías encargaranse de ofrecer esta alternativa habitacional, que será sempre unha vivenda digna, é dicir, que non poderá ser un albergue, segundo precisa a Vicepresidencia. Así, o lanzamento non poderá executarse ata que estas persoas vulnerables non teñan asegurado e garantido o seu realoxamento.

Pola súa banda, no Ministerio de Transportes remarcan que a normativa non soamente afecta aquelas persoas que vaian ser desafiuzadas como consecuencia da crise pola pandemia, senón tamén as que arrastraban esas situacións vulnerables desde un momento anterior.

real decreto non amparará a prohibición de todos os desafiuzamentos, como pedían inicialmente en Unidas Podemos, senón só os que afectan as familias máis vulnerables. Tampouco se inclúe a prohibición do corte de subministracións en caso de falta de pagamentos. 

Noticias web

02/12/2020