CRTVG

Buscar

O Goberno non descarta aumentar a 10 o máximo de persoas nas reunións de Nadal

Publicado o 01/12/2020 23:25
O Goberno non descarta aumentar a 10 o máximo de persoas nas reunións de Nadal

O Ministerio de Sanidade non descarta aumentar de seis a dez o número máximo de persoas que poderían reunirse nas próximas festas do Nadal, tal e como lle pediron algunhas comunidades autónomas no marco das medidas que se prevé poñer en marcha para evitar os contaxios por coronavirus.

O departamento que dirixe Salvador Illa e as comunidades autónomas reuniranse este mércores no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para tentar acordar as recomendacións ante o Nadal. A proposta inicial de Sanidade que deu a coñecer hai unha semana pasa por limitar as reunións a un máximo de seis persoas e atrasar ata a unha da madrugada a limitación á mobilidade nocturna en Noitevella e Noiteboa, non celebrar Cabalgatas de Reis, ampliar as visitas ás residencias e realizar aos internos probas diagnósticas ao seu regreso extremando a prevención e vixilancia.

Fontes de Goberno subliñaron que a intención é lograr o máximo acordo posible na reunión e por iso non se pechan a ser flexibles cunhas medidas que lembran que son finalmente as comunidades as que van aplicalas. Por iso, remítense á negociación no Consello Interterritorial e non pechan a porta a que finalmente a limitación de persoas se aumente a dez.

É o que pediron por exemplo para días específicos das festas do Nadal comunidades como Madrid, Cataluña ou o País Vasco, mentres que a Comunidade Valenciana aposta por permitir reunións sociais cun máximo de seis persoas e ampliar a dez as reunións familiares.

As fontes citadas lembran que o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu a pasada semana un acordo entre as comunidades autónomas respecto ás limitacións para Nadal e emprazou ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para fixar as decisións definitivas. Si recalcou que o número de seis proposto polo Goberno non é caprichoso, senón que responde aos consellos dos profesionais sanitarios e da ciencia para que non volva aumentar a curva de contaxios.

 

Noticias web

01/12/2020