CRTVG

Buscar

O Goberno impulsará a colaboración privada no uso de fondos europeos

Publicado o 16/11/2020 20:31

Goberno, sindicatos e empresarios constituíron a mesa que revisará o destino dos fondos europeos para a reconstrución. Pedro Sánchez presidiu unha xuntanza en que o executivo se mostrou disposto a eliminar trámites burocráticos para axilizar a posta en marcha dos proxectos e para facilitar a colaboración público-privada.

Os sindicatos salientaron que as axudas europeas non están condicionadas ao mantemento da reforma laboral ou do actual sistema de pensións. Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, espera que "teñan unha eficacia que nos permita transformar a nosa economía nunha economía verde, dixitalizada, de emprego de calidade". Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, sostén que "os fondos para a reconstrución que cheguen a España non condicionan as políticas sobre a derrogación, corrección ou non desa reforma laboral ou a reforma de pensións". 

Antonio Garamendi, presidente da CEOE, asegura que "non nos imos nunca negar a falar de todo, falaremos e sentaremos nas mesas mesmo para pactar os desacordos". Segundo Nadia Calviño, vicepresidenta terceira e ministra de Asuntos Económicos: "Eu non poría esta cuestión en termos de condicionalidade ou de reformas do pasado. Do que falamos nestas reunións é de mirar cara ao futuro".

Noticias web

16/11/2020