CRTVG

Buscar

O Goberno estudará a transferencia da Seguridade Social a Euskadi

Publicado o 20/02/2020 19:22

41 anos despois, o Estatuto de Gernika está máis preto que nunca do cumprimento íntegro. O traspaso das 32 competencias pendentes ten desde hoxe calendario: nos vindeiros meses, Euskadi irá asumindo o control dos aeroportos, a inspección pesqueira ou a inmigración. Para o final queda a xestión da Seguridade Social: o Goberno só se compromete a empezar a estudalo na segunda metade de 2021. A ministra xustifícao pola complexidade do asunto e polos debates parlamentarios sobre a reforma das pensións.

Carolina Darias, ministra de Política Territorial e Función Pública, explica que "trasladámoslle ao conselleiro Erkoreka a posibilidade de iniciar isto cun prazo suficiente para todo o resto de competencias e unha vez estean os acordos do Pacto de Toledo moi ben avanzados e engrenados".

O Goberno vasco garante que a transferencia non repercutirá na igualdade entre españois.

Josu Erkoreka, conselleiro de Gobernanza Pública e Autogoberno do País Vasco, asegura que "en ningún caso se saltaría a unidade do sistema á que fai referencia a transitoria quinta como límite aos convenios nin tampouco o principio de solidariedade".

Outra das competencias máis ansiadas polo Executivo vasco, a das prisións, transferirase entre xuño e decembro deste ano.

Noticias web

20/02/2020