CRTVG

Buscar

O Goberno estuda dar prioridade ao teletraballo durante dous meses máis

Publicado o 20/04/2020 21:54
O Goberno estuda dar prioridade ao teletraballo durante dous meses máis

O Goberno está a estudar prorrogar durante dous meses que o teletraballo sexa prioritario e mais o dereito dos traballadores con deberes de coidado a adaptaren ou reduciren a súa xornada laboral, segundo confirmaron fontes do Executivo. Estas medidas están sobre a mesa e poderían aprobarse no Consello de Ministros de mañá ou ver a luz máis adiante, xa que, segundo as mesmas fontes, aínda non se pechou un texto definitivo.

A prioridade do teletraballo na pandemia do coronavirus e o impulso á adaptación ou redución de xornada foron aprobados polo Goberno no Real Decreto-lei do 17 de marzo de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVI-19. No artigo 5 da norma establecíase o carácter preferente do teletraballo fronte ao cesamento temporal ou redución da actividade. Así, co obxectivo de facilitar o exercicio da modalidade de traballo a distancia naqueles sectores, empresas ou postos de traballo en que non estivese previsto, o Goberno determinaba no devandito artigo que se entendía como cumprida a obriga de efectuar a avaliación de riscos con carácter excepcional a través dunha autoavaliación realizada voluntariamente polo propio traballador.

O outro artigo que se estuda prorrogar durante dous meses é o que permite aos traballadores adaptaren ou reduciren a súa xornada laboral para o coidado de persoas ao seu cargo (ata segundo grao), cunha posible redución do 100 % da xornada (nese caso sen soldo), sen que poidan ser sancionados ou despedidos por iso. No Real Decreto-lei do 17 de marzo, o Goberno sinalaba a súa intención de velar polas persoas que teñen dependentes ao seu cargo, ata un segundo grao de consanguinidade, para que poidan organizar o seu tempo de traballo da maneira máis satisfactoria e poidan atender as súas obrigacións de garda e coidado.

A norma considera como causa excepcional as decisións adoptadas polas autoridades gobernamentais que impliquen o peche de centros educativos ou de calquera natureza. Deste xeito, establécese no devandito artigo que as persoas traballadoras poidan reducir ata o 100 % da súa xornada ou reorganizala para poder afrontar este peche de centros educativos ou centros sociais de atención. A este dereito poden acollerse traballadores por conta allea que acrediten deberes de coidado respecto ao cónxuxe ou parella de feito e respecto aos familiares por consanguinidade ata o segundo grao.

A redución de xornada debe comunicarse á empresa con 24 horas de antelación. Esta, segundo o Goberno, "é unha medida fundamental para favorecer a conciliación e a corresponsabilidade e entenderase como o dereito individual de cada un dos coidadores". "As modificacións de xornada deberán solicitarse de maneira xustificada, razoable e proporcionada para acomodarse ás necesidades de organización da empresa e limitaranse á duración do período excepcional", recolle o Real Decreto do 17 de marzo.

Noticias web

20/04/2020