CRTVG

Buscar

O Goberno distribúe dez millóns de máscaras protectoras, 600.000 en Galicia

Publicado o 13/04/2020 10:15

O Goberno repartiu en puntos loxísticos de toda España un total de dez millóns de máscaras de protección, que comezaron a distribuírse entre traballadores que utilizan o transporte público para desprazarse aos seus postos de traballo.

Ademais, hai lugares habilitados polas delegacións do Goberno nos accesos ás estacións, onde axentes de policía e persoal de Protección Civil está realizando a repartición.

En Galicia, distribúense algo máis de 600.000 máscaras entre o persoal das estacións de tren, das empresas de autobuses e das navieiras. Delas, máis de tres cuartas partes repártense nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Estas máscaras hixiénicas son unha protección complementaria para aquelas persoas que teñen que saír á rúa por motivos laborais e non poden manter, polo tanto, o distanciamento social.

Estas máscaras serven de barreira de protección pero non posúen filtros de partículas. Son para persoas adultas sen síntomas que non teñan máscaras cirúrxicas nin máscaras filtrantes de protección contra partículas. Segundo precisaron fontes do Ministerio do Interior, algunhas das que se repartirán serán reutilizables.

Deben cubrir o nariz, a boca e queixo e, unha vez axustadas, non deben tocarse coas mans, agás que estas se lavaran antes.

A máscara hixiénica só a pode utilizar unha persoa, e preferiblemente unha única vez, aínda que pode facelo varias se a usa en períodos de tempo moi curtos. Unha vez usada débese desbotar.

Se se lava, debe facerse con auga e xabón, ou fregala cunha solución hidroalcohólica.

Como colocar a máscara

Antes de manipulala, a persoa debe lavar as mans; despois, colócaa na cara, axústaa, sitúa as cintas exteriores a ambos os dous lados das orellas, baixa a parte inferior ao queixo e verifica que o cobre. 

Se está colocada correctamente, non se deben ter molestias respiratorias, e se se ten que tocar non hai que esquecer que antes hai que lavar as mans.

Para evitar a contaminación ao retirar unha máscara, primeiro hai que quitar os guantes protectores, lavar as mans con auga e xabón ou cunha solucuión hidroalcohólica, retirar a máscara sen tocar a súa parte frontal e desbotala nun recipiente específico protexido cunha dobre bolsa de plástico. Por último, recoméndase volver lavar as mans.

Por cuestións de comodidade e hixiene, recoméndase non usar a máscara por un tempo superior a catro horas, e no caso de que se humedeza ou deteriore polo uso, aconséllase substituíla por outra nova.