CRTVG

Buscar

O Goberno decide hoxe como serán as saídas controladas dos nenos

Publicado o 21/04/2020 07:22

O Goberno concretará este martes no Consello de Ministros como serán as "saídas controladas" dos nenos á rúa a partir do próximo día 27, unha medida anunciada o sábado polo presidente do Executivo que permitirá aos menores saíren acompañados por un maior e con medidas de precaución.

Iso é o que estableceron os técnicos que comparecen a diario de forma telemática ante os medios de comunicación, como o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, quen advertiu este luns que o 27 "non se vai a abrir a porta e dicir: Nenos a xogar!", senón que se van permitir saídas "controladas" que non implican un incremento do risco.

"Non van saír libremente para empezar a xogar con todos os seus veciños como facían antes", asegurou o epidemiólogo, quen advertiu de que "se a xente pensa que isto vai ser abro a porta e que se xunten os nenos de toda a veciñanza, podemos ter algún problema; é unha cuestión de responsabilidade".

Hai que ter en conta ademais que, despois dun mes e unha semana de confinamento, a probabilidade de que os nenos estean infectados agora mesmo é moi baixa.

Pero, ademais, neste Consello, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, podería tratar outras medidas que se expoñería aos técnicos se os marcadores relacionados coa epidemia son favorables.

A propia portavoz do Goberno, María Jesús Montero, non descartou que, tras a saída dos menores o 27, "poida haber outras medidas que se vaian despregando ao longo desa semana".

Facer deporte, de forma individual, segundo dixo, é unha das cuestións que están a estudar os técnicos e que se van desenvolver en función deses marcadores, que serán a guía para que o Goberno adopte unha decisión ou outra.