CRTVG

Buscar

O Goberno de Trump leva a cabo a primeira execución federal en 17 anos

Publicado o 14/07/2020 20:09
O Goberno de Trump leva a cabo a primeira execución federal en 17 anos

O Goberno do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, levou este martes a cabo a primeira execución dun convicto por delitos federais en 17 anos, apenas seis horas despois que o Tribunal Supremo anulara a obxección dunha xuíza ao procedemento usado na aplicación da pena capital.

"Lei e orde", declarou Trump nunha mensaxe na súa conta de Twitter pouco despois de que se coñecera a decisión do Tribunal Supremo de dar vía libre ás execucións.

As autoridades na prisión federal de Terre Haute (Indiana) executaron a Daniel Lewis Le, un ex-supremacista branco condenado en 1999 pola tortura e asasinato en 1996 dos tres membros dunha familia, cuxos corpos arroxou a un lago en Arkansas.

"Cometín moitos erros na miña vida, pero non son un asasino", dixo Le na súa declaración final. "Están a matar a un home inocente", agregou.

En resposta á apelación de catro condenados a morte, a xuíza federal de Washington Tanya Chutkan emitira o luns un ditame indicando que o novo protocolo para a execución da pena capital probablemente viola a Oitava Emenda da Constitución. Dita emenda establece que os presos non se poden someter a "castigos crueis ou inusitados".

A maxistrada asegurou na súa sentenza que había probas suficientes de que o fármaco letal empregado na execución, o pentobarbital, "produce sensacións de afogamento e asfixia" e causa "dor extrema, terror e pánico". Os tribunais estadounidenses puxeran baixo revisión o novo protocolo para as execucións federais, en que agora se debe empregar soamente o pentobarbital, en lugar da combinación de varios fármacos que se usaba antes, e que deu problemas e provocado macabros episodios de intentos errados. 

Noticias web

14/07/2020