CRTVG

Buscar

O Goberno compromete máis diñeiro para os accesos á estación de Vigo

Publicado o 28/07/2020 19:11
O Goberno compromete máis diñeiro para os accesos á estación de Vigo

O Consello de Ministros autorizou hoxe martes o Adif Alta Velocidade a subscribir unha adenda modificativa do convenio subscrito coa Xunta e o Concello de Vigo polo que se compromete a aumentar a súa achega aos accesos da estación intermodal de Urzáiz e á AP-9.

Así pois, o Adif elevará o seu financiamento ás obras ata os 14,5 millóns de euros, un 68,12% do total, por 3,4 millóns da Xunta e outro tanto o Concello de Vigo.

Esas partidas suman 21,4 millóns de euros, cando o orzamento base de licitación inicial era de 17,3 millóns.

Recentemente, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, urxiu o Goberno para asinar dita adenda e advertiu da previsible parada e atraso da finalización das obras ata 2022.

Esta revisión orzamentaria débese ás prescricións realizadas pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, a unha recomendación da corporación local respecto ao material de revestimento interior dos túneles e á adaptación das medicións no proxecto de trazado á realidade xeométrica e de contorna da obra.

Tamén se inclúen a contratación da asistencia técnica que coordine as diferentes obras de accesos e a redacción do proxecto; a remodelación da Praza da Estación; as obras da actuación "Núcleo de comunicacións intermodal"; e a urbanización de espazos  intersticiais.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou en conferencia de prensa que tamén se inclúe o proxecto de construción dun ascensor que conectará Serafín Avendaño con Vía Norte, con acceso directo á estación.

Mantéñense do convenio inicial a construción dun ramal de conexión entre a estación de autobuses e a AP-9, dun túnel de saída desde a rúa Lepanto á AP-9 e a demolición do vello viaduto, a conexión da autoestrada co centro Vialia, máis outras instalacións e balizamentos.