CRTVG

Buscar

A mesa de Alu Ibérica sáldase sen ningunha "concreción" ao non asistir as empresas

Publicado o 11/06/2020 15:52

A mesa industrial celebrada este xoves para abordar o futuro das plantas de Alu Ibérica da Coruña e Avilés saldouse sen ningunha "concreción" logo de non asistir as empresas implicadas, tal como informou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, após o encontro telemático no que tamén participaron representantes do Ministerio de Industria, Principado de Asturias e dos comités das fábricas.

As antigas plantas de Alcoa foron vendidas ao fondo suízo Parter en 2019. Alu Ibérica anunciou durante o estado de alarma que se revendían estas fábricas a Grupo Industrial Riesgo. Mentres, os traballadores reclamaron nas últimas semanas con diferentes protestas a intervención pública ante a incerteza sobre o futuro das factorías e a falta de garantías sobre o proxecto.

Conde cargou contra faltar "de respecto" do Goberno central pola "ausencia da ministra e os máximos responsables do Ministerio de Industria" -á reunión tampouco asistiu o secretario xeral de Industria, Raül Blanco-, unido á non presencia "das propias empresas que están a intervir na posible solución e futuro dos propios traballadores".

"Lamentablemente hoxe constatouse a falta de respecto do Ministerio cara aos traballadores de Alu Ibérica, cara a Galicia, cara a Asturias, coa ausencia dos máximos responsables do ministerio de Industria", censura.

Nesta liña, Conde lamenta que o Ministerio "demostra unha vez máis que a industria non está na súa axenda, Galicia non está na súa axenda". "Lamentablemente hoxe 350 traballadores non teñen unha concreción de cal pode ser o seu futuro, de cal é a realidade dos compromisos asumidos no seu momento por Alcoa e por Parter, que estiveron garantidos pola propia ministra de Industria", apostila.

"Estamos ante unha indefinición, unha incerteza, sen prezo eléctrico, sen a convocatoria da poxa", proseguiu nas súas queixas o conselleiro. 

Nun comunicado, o comité de empresa da fábrica de Avilés cualifica a reunión telemática celebrada esta xornada de espectáculo "lamentable e deplorable".  Trasladaron o seu profundo malestar e desagrado pola falta "total e absoluta" de compromiso por parte dese departamento do Goberno central.

En opinión do comité de empresa, o Ministerio de Industria "simplemente cala e outorga" ante o conflito.

 

Noticias web

11/06/2020