CRTVG

Buscar

Varias comunidades presionan o Goberno para que deixe saír os nenos

Publicado o 17/04/2020 18:54
Varias comunidades presionan o Goberno para que deixe saír os nenos

O Goberno estudará e terá en conta as propostas de varias comunidades autónomas para que os nenos poidan saír de casa ante a próxima fase de desescalada, como as expostas este venres por Cataluña e o País Vasco, aínda que lembrou que a decisión final sobre estas e outras medidas de flexibilización do confinamento corresponden ao Executivo.

Na quinta semana de confinamento, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, volveu a recoñecer o sacrificio que supón para os menores o manterse nas súas casas e non saír á rúa, pero insistiu en que neste asunto hai que actuar coa "máxima prudencia" e que cando haxa unha decisión respecto diso, o Executivo a dará a coñecer. Reiterou que as actuacións da fase de desescalada tomaranse en función de criterios de prudencia, evidencia científica e respectando os dereitos e liberdades da cidadanía, pero que aínda España non está nesa nova fase.

E fíxoo nunha xornada na que algunhas comunidades autónomas, como Cataluña e País Vasco, están a facer públicas as súas propostas para que se deixe saír aos menores -unha medida na que tamén coincide o Defensor do Pobo- e que poñerán sobre a mesa na súa próxima reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Cataluña

En concreto, Cataluña expuxo unha saída "limitada no tempo" e por "franxas horarias" dos menores para aplicar nos "próximos días", desde os 6 anos con máscara, aínda que "polo momento" as directrices da Generalitat son que se manteña o confinamento. 

Euskadi

Pola súa banda, o lehendakari, Iñigo Urkullu, anunciou que propoñerá a Pedro Sánchez saídas limitadas á rúa de menores e de colectivos con necesidades especiais a partir do 26 de abril, cando finaliza a prórroga actualmente en vigor do estado de alarma.

Galicia

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, volveu a defender a súa proposta de que os nenos poidan saír das súas vivendas, aínda que con limitacións e acompañados a pasear á rúa, unha proposta que nestes momentos en Galicia é "razoable".

Cantabria

Desde Cantabria, o seu presidente, Miguel Ángel Revilla, opinou, que ademais de deixar saír aos nenos de forma controlada como reclamou noutras ocasións, o primeiro que habería que facer é permitir aos familiares despedirse dos seus seres queridos, coas medidas necesarias para evitar contagios.