CRTVG

Buscar

O Goberno cambia o sistema de notificación dos falecidos por COVID-19

Publicado o 17/04/2020 09:14

• A instrución pretende que todas as comunidades autónomas empreguen os mesmos parámetros para comunicar os seus casos

 

O Goberno cambia o sistema de notificación dos falecidos por COVID-19

O Goberno modificou o procedemento de notificación da información epidemiolóxica que as comunidades autónomas deben remitir ao Ministerio de Sanidade e que debe incluír o número total de falecidos en cada unha delas desde o pasado 31 de xaneiro.

A nova instrución, que publica este venres no Boletín Oficial do Estado, afecta as táboas de datos correspondentes á información epidemiolóxica e á contratación dos recursos humanos e pretende asegurar a eficacia na xestión da crise ocasionada polo coronavirus.

De acordo coa orde, as comunidades deberán remitir entre as 20:00 e as 21:00 horas o total de falecidos por SARS-CoV-2 desde o 31 de xaneiro, e tamén os casos acumulados confirmados desde esa mesma data mediante proba diagnóstica (PCR ou test rápido de anticorpos), incluídos  sintomáticos e asintomáticos. Tamén o número de persoas con síntomas e sen síntomas no momento da proba e mais as que ingresaron en centros hospitalarios ou outros centros habilitados para a atención de pacientes, incluído nas unidades de coidados intensivos (UCI).

Así mesmo, as comunidades deberán informar dos casos confirmados ingresados nestas unidades, das altas tanto hospitalarias como domiciliarias e as confirmacións diagnósticas que se realizaron unicamente mediante test de anticorpo (sen PCR ou con esta negativa).

Esta categoría incluiría tamén as infeccións xa resoltas no momento da notificación, precisa a orde, que obriga ademais a todos os centros hospitalarios públicos e privados con camas de UCI, reanimación ou recuperación postanestesia que atendan casos de COVID-19 a comunicar o número total de camas que teñen en unidades críticas con e sen respirador e o de ingresos en hospitalización convencional.

Deberán dar conta así mesmo das camas ocupadas por pacientes tanto infectados como non infectados, os ingresos e as altas por coronavirus nas últimas 24 horas e o número de altas previstas nas próximas 24 horas.

Adicionalmente, todos os centros remitirán tamén datos sobre a presión de urxencias por COVID-19, considerando como ingresos o número de casos.

Os centros hospitalarios deberán enviar toda esta información sobre a súa capacidade asistencial diariamente entre as 13:00 e as 14:00 horas.

Nese mesmo intervalo horario, pero semanalmente cada venres, as comunidades autónomas, o Instituto Nacional de Xestión Sanitaria e todos os centros hospitalarios teñen que comunicar as existencias de máscaras, equipos de PCT,  hisopos, luvas, lentes de protección, batas e solución hidroalcohólica.

Tamén o número de equipos de ventilación mecánica invasiva e de ambulancias medicalizadas e non medicalizadas.

Respecto aos recursos humanos, as comunidades autónomas e o Instituto Nacional de Xestión Sanitaria enviarán cada venres o número de contratacións realizadas.