CRTVG

Buscar

O Goberno prorroga o estado de alarma e dará 20.000 millóns en avais a pemes

Publicado o 24/03/2020 23:10

O Goberno aprobou este martes a posta en marcha dun primeiro tramo de avais de 20.000 millóns para garantir a liquidez das empresas máis afectadas pola crise do coronavirus, e a metade dese importe servirá para garantir novos préstamos de autónomos e pemes. O Consello de Ministros acordou as características deste primeiro tramo de avais, que forma parte do plan do Executivo para chegar a dispoñer ata 100.000 millóns, segundo informou en conferencia de prensa a ministra portavoz, María Jesús Montero. Deste xeito, o Executivo pon en marcha a liña de avais para garantir a liquidez de autónomos e empresas co obxectivo de apoiar ao tecido empresarial garantindo o acceso ao financiamento necesario para manter a actividade e o emprego.

Estado de alarma

O Goberno acordou este martes pedir ao Congreso que autorice a ampliación do estado de alarma ata o 11 de abril, nas mesmas condicións que rexe actualmente. O acordo do texto que enviará ao Congreso nas próximas horas é un paso indispensable para que a Cámara vote a autorización ou non do estado de alarma, tal e como establecen a Constitución e o regulamento do propio Congreso. Ata as 00.00 horas do 11 de abril durará a prórroga pola que avoga o Goberno, de acordo coas recomendacións e o criterio das autoridades sanitarias e dos expertos, remarcou Montero.

As condicións do estado de alarma xa declarado polo Goberno, mediante decreto lei aprobado o pasado 14 de marzo, serán as mesmas mentres dure a prórroga, puntualizou. A ministra de Facenda recoñeceu a "dureza" dunha medida que mañá debaterá e votará o Congreso. O pleno para iso está convocado. "O Goberno espera contar co apoio de todas as forzas parlamentarias", afirmou Montero antes de recalcar que "a sociedade quere que o conxunto dos responsables políticos" mostren unidade.

Se é avalada a prórroga pola Cámara, o Goberno volverá reunir ao Consello de Ministros, en sesión extraordinaria, o venres que vén para que entre en vigor A portavoz do Goberno engadiu: "Somos conscientes das inquietudes e desazón que xera o confinamento para as familias, pero as autoridades sanitarias e os expertos coinciden en que é unha medida efectiva" para alcanzar o primeiro obxectivo: aplanar a curva de contaxios e que logo vaia descendendo.


Noticias web

24/03/2020